Para millorar o tramite, a administración da directica só tramitara baixas feitas mediante o formulario ou enviando un email a (asunto Baixa). Especificando o tipo de baixa: Escola - Socio - Ambas.

Formulario de baixa

Vontade Exposición

Idea e montaxe: Xandre Outeiro e Andrea Menéndez

Un achegamento á cosmovisión Trépia, con mostras tanto de traxe tradicional como de adaptacións realizadas na Asociación para os grupos escénicos e outras intervencións artísticas.

Oito anos de Trépia en Pontevedra, condensados nunha exposición multimédia que, ademais, repasa a evolución do traxe tradicional desde unha nova perspectiva.

  • Características: Traxes tradicionais - pezas de uso doméstico antigas - 1 monitor - 1 proxector - set iluminación - conxunto de telas e lazos
  • Numero de pezas: 35
  • Tempo de visionado: 20-30 mins

Textos: Xandre Outeiro e Andrea Menéndez

No verán, as horas de luz fan que o traballo no campo sexa prioritario. Os galegos somos coma formigas, hai que gardar para cando veña o frío. As leiras vístense de chambras remangadas e sombreiros de palla ó sol, as frontes dos nosos ancestros, perladas de suor, póñenlle música a estes días cos cantares de sementeira e sega. Os faiados e hórreos énchense de gran e palla, os animais pastan ceibes polas eiras e as xentes traballan de sol a sol, moitas veces, caindo aínda este non asomou polo ceo, os mariñeiros xa cargan os aparellos nas dornas. As tarefas máis pesadas e costosas fanse en comunidade, ben sexa arar e voltear a terra, ben sexa mallar o gran. Pero todo pasa, e o ciclo do ano sempre da un respiro.

Coa chegada do frío desempólvanse os refaixos e mantóns, as capas dos homes e os sombreiros de paño e monteiras comezan a pasearse polas rúas. Neste tempo, o clima manda sobre as modas. As saias de paño cóbrense con mantelos para espantar a friaxe das noites de festa. Aparecen as fiadas, outra vez, traballos en grupo, os seráns, as ruadas e as rúas. As mozas e mozos adobíanse coas súas mellores galas para ir á festa. As medias caladas e os zapatos baixos bailan a noite toda. As faixas ben bordadas e cinguidas ó talle pasean polo turreiro ata que o corpo aguanta.
Chegan os reis e o nadal, logo o entroido… Unha tregua máis para o duro traballo e unha oportunidade de troulear. As rúas aparecen cheas de xente que canta, as roupas brancas almidonadas, as enaguas aderezadas con cintas de cores, as diademas con flores, as coroas dos mozos coas plumas e as fitas, as castañolas soan, os anos novos cántanse ata quedaren sen voz. Os mozos e mozas bailan as danzas ancestrais que levan vendo anos e anos e anos… O tempo corre, paseniño, métese polas costuras e non deixa títere con cabeza. Os teares tradicionais conviven, por moito tempo, coa xa inminente mecanización do sector textil.
Aparecen as combinacións de tecido tradicional con tecido industrial. Mentres a tea da roupa interior segue a ser feita na casa, os exteriores cúbrense de tergales e rasos, brocados por peza e panos de elaboración mecánica. Aparecen as charangas, con instrumentos novos, os clarinetes e os saxofóns amenizan as festas. Os tecidos reláxanse, xa non son tesos e grosos, agora esbaran polo corpo, europeizándoo. Os traxes de a cotío mostran cores chamativas, estampados xeométricos e florais. Se ben hai cousas que mudan, hai outras que perduran. No verán traballase , no inverno, tamén, pero a festa sempre atopa un burato polo que colarse. De xeito tradicional, a roupa nos achega á realidade social da persoa que a porta. Danos, nunha primeira vista, datos que, dunha maneira inconsciente, rexistramos na nosa mente. Somentes con ver unha indumentaria, facémonos unha imaxe (máis ou menos real) de aquel que a luce. Saberemos a súa posición económica e, por ende, social, o lugar e o tempo no que nos atopamos, a súa profesión ou adicación (en algúns casos) e, incluso, o seu estado civil. O Traxe (con maiúscula) está cheo de códigos, de refencias que nos achegan a unha situación persoal, logo, a unha individualidade.
As persoas non son alleas a esto, polo que o Traxe se trata cun especial coidado, sobre todo, o de garda (ou gala), xa que é, digamos, o escaparate no que todos se van fixar. As boas teas, os tecidos nobres, a feitura xeitosa, o peiteado coidado e preciso, etc. Estrear unha peza de roupa era un privilexio reservado para momentos moi concretos e especiais.
Decíamos antes que o tempo pasa… e pasa de xeito inevitable. A moda é un ser vivo, que cambia, que se transforma para deixar paso ás cousas novas… Non é un cambio brusco, pasa sen darnos conta.
Se ben houbo un tempo no que o que se industrializou foi o tecido, o que pasa nun momento concreto é a industrialización da peza de roupa. Comenza a comercializarse a roupa xa feita, a un prezo menor (chegado un punto) que a de feitura artesanal. Chega a mecanización real e definitiva do sector textil.
O Traxe consérvase para as ocasións de gala, para as festas, e, logo, somentes para as “recreacións” de danzas e cantares.
Aparece aquí un punto escuro da tradición galega. Ese punto escuro ten un nome: Sección Femenina. Os cambios políticos métense por debaixo da porta e tínguenno todo cun matíz de artificialidade e pose. O Traxe convértese nunha sorte de insignia que acota a terra dende Ancares ás Rías, dende Foz a Tui, sen distinguir frío de calor, nen hoxe de onte. Imponse a saia vermella con fitas negras, o dengue e as aplicacións de pasamanería con forma de hórreo, de pote e de cruceiro. Escóllense as coplas a cantar e as danzas e executar. A tradición vese privada do seu fondo, o seu sentido, perde realidade e raigame para ser convertida nun escaparate que se perde nas formas.
Pero, unha vez máis, todo pasa. A recuperación da cultura real chega, despaciño, e sendo moi conscientes de que hai cousas que se nos quedaron polo camino, cousas das que xa nunca saberemos.
Esta exposición pretende ser unha pequena achega ó patrimonio non tanxible. Contar a voces un segredo que debe chegar ós nosos días coa forza que tivo no seu tempo. Sentímonos responsables da recuperación, da recreación e da difusión de algo que nos é de seu, que segue vivo en nós e que nos toca no máis fondo. A todos.
Agradecemos a Casa da Luz por nos ofrecer os seus recursos e instalacións.

Manüele ...de pandeireta e canto tradicional

Publicación do libro-CD de Xandre Outeiro
en Edicións Intermitentes
2012

A A.C. Trépia tamén participou na edición deste traballo, atalora decatalogado, no que se incorporan transcricións de melodias e letras tradicionais da zona "serán", nas comarcas de Mondariz - Condado - Paradanta, ademais de fichas didácticas unha proposta de transcrición do partiturado rítmico, principalmente adaptado para a pandeireta, e unha gravación en CD con propostas de adaptación.

O proxecto continúa en funcionamento, pensando na ampliación ao soporte dixital e en solucións de impresión baixo demanda.

Podes solicitar máis información entrando no seu canle oficial de facebook.
manueledepandeireta

portada manuele
audiovisual
pande manuele
manuele-y-xandre

Pandereteiras do Suído

Publicación de CD recopilatório de repertório de Avión - Suído
2012

O grupo "Pandereteiras do Suído" funda-se no concello da Lama no 2012 co obxectivo de investigar e recuperar o repertório de pandeireta e canto tradicional de toda a contorna do Suído e Avión.

Xorde asi todo un proxecto dinamizador no que confluíron aulas de aprendizaxe, recolleitas de campo e participación en seráns e outros eventos tradicionais. Neste grupo deuse naturalmente unha integración interxeracional, a través das aulas e ensaios, e un fermoso traballo de recuperación.

No ano 2012 a A.C. Trépia propuxo a realización dun traballo en CD, recopilando o repertório do grupo, nunha gravación na que participaron tanto informantes directas da tradición, como xente máis nova que tomaran contacto coa música tradicional a través do própio grupo.

Podes mercar o teu, pedindo máis información no mail
contacto

Podes solicitar máis información entrando no seu canle oficial de facebook.
Pandereteiras-do-Suído

  • 1
  • 2