Actividades da A.C. Trépia
Do ciclo de nadal

CANTARES E DANZAS DE REIS

Desde o 2013 nas prazas de Pontevedra

Participamos activamente na programación de nadal do Concello de Pontevedra, achegando a tradición das danzas e cantares de reis recollidos en distintos lugares.

"...@s danzantes, ataviados con roupa branca e adornados con coroas, lazos, diademas e panos de lá de cachemir, bailan acompañados da gaita as danzas de castañolas, paus, arcos e fitas. Trata-se de danzas coreográficas de grande compoñente ritual que se bailaban á porta das casas no dia de reis..."

É moi simbólica a utilización de espellos como decoración das coroas, alén da cor branca da vestimenta, o que dá pé a interpreta-las como unha reinvención cristianizada de antigas tradicións de celebración do solstício de inverno. 

SOBRE AS DANZAS

Ademais das danzas de reis, tamén entran na tipoloxía de danzas brancas as danzas gremiais e outras mostras vencelladas a santorais locais. Os trazos comuns a todas elas fan-nos pensar nunha posíbel orixe única para todas elas.

"...a execución é coreográfica en maior ou menor medida: a danza adoita constar dunha série de movementos e cruces, incluso puntos do baile pre-fixados. Nalguns casos, coma en Riofrio (Mondariz), son @s danzantes quen indican ao gaiteiro o momento de facer os cámbios de parte, tendo os músicos que improvisar fraseos sobre a melodia base até o momento indicado pol@ guia do baile..."

SOBRE A VESTIMENTA

En termos xerais, sobre a base da vestimenta branca (enáguas, camisa e média calada nas mozas; pantalón e camisa brancos nos mozos) é habitual que os complementos inclúan a cor vermella (sobre todo nas danzas de reis) e mantóns de lá rameados (os chamados "de oito puntas", de grande tamaño e rectangulares.

Os mantóns dobran-se lonxitudinalmente, en pregos sucesivos do ancho do ombro, e colocan-se en bandoleira (suxeitos baixo o brazo contrário cun prendedor). Cada danzante leva dous, un sobre cada ombro.

Os mozos levan unha coroa que era feita cunha base de cartón, e adoviada con penas de moitas cores, lazos e uns pedazos de espello; mentres que as mozas poden levar unha diadema forrada en lazo e adornada con motivos florais. Dependendo das tradicións locais, atopamos distintos xeitos na confección destes elementos.

Nalguns lugares os danzantes tamén levan unha banda vermella en bandoleira, sobre os mantóns, e normalmente os complementos das danzas (castañolas, paus e arcos), tamén van adornados con lazo.

FOTOS

VIDEO

HISTORICO

Usamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da navegación.
Se continúa a navegar, acepta o seu uso.