Participamos activamente na programación de nadal do Concello de Pontevedra, achegando a tradición das danzas e cantares de reis recollidos en distintos lugares.
"...@s danzantes, ataviados con roupa branca e adornados con coroas, lazos, diademas e panos de lá de cachemir, bailan acompañados da gaita as danzas de castañolas, paus, arcos e fitas. Trata-se de danzas coreográficas de grande compoñente ritual que se bailaban á porta das casas no dia de reis..."
É moi simbólica a utilización de espellos como decoración das coroas, alén da cor branca da vestimenta, o que dá pé a interpreta-las como unha reinvención cristianizada de antigas tradicións de celebración do solstício de inverno.
Ademais das danzas de reis, tamén entran na tipoloxía de danzas brancas as danzas gremiais e outras mostras vencelladas a santorais locais. Os trazos comuns a todas elas fan-nos pensar nunha posíbel orixe única para todas elas.
Danza de castañolas: os danzantes executan a coreografía con castañolas adornadas con cintas de cores, levantando e baixando os brazos para que as fitas “voen”.
A formación de danzantes é por parellas en ringleira, ao xeito dos outros bailes tradicionais; e atopamos distintas particularidades dependendo da tradición local. Asi, por exemplo, nas danzas de castañolas de Riofrio (Mondariz), os danzantes executan un saúdo cara ao público e cara ás parellas, inclinando-se cara a diante. O ritmo deste saúdo marca o tempo da música que executan (gaita e bombo), repetindo voltas da melodía que introducen variacións contínuas até que o primeiro bailador marca os cambios de parte e de punto. Danza de paus: Cada danzante leva dous paus cos que vai marcando o ritmo, petando un contra o outro. Tamén se petan os paus entre os danzantes, existindo versións máis ou menos complicadas dos movementos. Danza de arcos: Cada danzante leva un arco de bímbio adoviado con lazo de cores, executando “paseos” por baixo dos arcos (cando cada danzante leva un extremo do arco).Danza de fitas / espadas: As versións con cintas de lazo semellan ser unha versión simplificada da danza de espadas (Cada danzante leva un extremo do lazo, trazando liñas rectas sobre as cabezas dos/as bailadores/as.). As espadas son máis habituais en danzas gremiais vencelladas a un santo patrón. Danza de pau de fitas: Nun pau duns 2m. de alto colocan-se cintas de cores. Cada danzante sostén un extremo, situando-se en sentidos opostos nunha roda arredor do pau. Van danzando, alternando a persoa que se cruzan na roda –unha vez polo lado esquerdo, outra polo direito-. O resultado é unha trenza de lazos de cores tecida arredor do pau. Cando o lazo chega o mais baixo posíbel, cambia-se o sentido do movemento para “destrenzá-lo”. Unha persoa suxeita o pau, e é a encargada de mandar os avisos ao gaiteiro para comezar e parar os dous movementos.
"...a execución é coreográfica en maior ou menor medida: a danza adoita constar dunha série de movementos e cruces, incluso puntos do baile pre-fixados. Nalguns casos, coma en Riofrio (Mondariz), son @s danzantes quen indican ao gaiteiro o momento de facer os cámbios de parte, tendo os músicos que improvisar fraseos sobre a melodia base até o momento indicado pol@ guia do baile..."